Monday 06 de May de 2024

A Xunta destaca a necesidade de garantir os máximos estándares de seguridade na administración electrónica


O vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura de Galicia a quinta Xornada de Informática Xudicial

O vicepresidente, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura a quinta edición da Xornada de Informática Xudicial, onde destacou a necesidade de que o importante impulso que se lle está dando á administración electrónica leve aparellado “os máximos estándares de seguridade”.

Segundo explicou o vicepresidente, imos cara a un modelo no que as comunicacións coa cidadanía e as empresas coa administración canalízanse na súa totalidade a través de sedes, rexistros e sistemas de contratación electrónicos.

Nese proceso xoga un papel fundamental a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como canalizadora de toda a política TIC da Xunta. Por iso, a medida que a Amtega traballaba no desenvolvemento de novos servizos electrónicos foi avanzando paralelamente en medidas de protección e seguridade.

Neste sentido, creouse a Comisión de Seguridade e goberno electrónico cuxos froitos foron a aprobación o pasado mes de xuño da política de seguridade da información da Xunta de Galicia e o seu Plan Director de Seguridade para os próximos cinco anos, con medidas orientadas ao análise previo dos riscos e cunha organización máis preventiva que reactiva.

O número dous da Xunta explicou que a sociedade e os colectivos relacionados coa xustiza necesitan formación especializada ante o crecemento deste tipo de delitos, que deben ser convenientemente procesados nos órganos xudiciais, contando cos coñecementos suficientes para comprendelos e analizalos en profundidade.

Neste sentido, a Xunta, ademais dotar aos órganos xudiciais dos medios técnicos necesarios -con 23 millóns de euros de investimento nos últimos catro anos a través do ‘Plan Senda’-, tamén encargase de formar aos profesionais nas problemáticas que rodean os novos sistemas e nos cambios lexislativos.

A xornada está organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, en colaboración coa Amtega. Baixo o título “A ciberdefensa no século XXI” o seu obxectivo é informar os profesionais do ámbito xudicial de Galicia sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos.

Amplo programa con prestixiosos expertos
Nesta V Xornada sobre informática xudicial, os xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, terán a oportunidade de coñecer a opinión dos expertos nesta materia máis importantes do noso país, a través dos distintos relatorios organizados polo CPETIG, baixo a dirección técnica do especialista Víctor Salgado.

A xornada comezará co relatorio “Os retos xurídicos da ciberseguirdade”, do letrado da Cortes, Pablo García Mexía, autor de “A Lei na Rede” de ABC. O segundo relatorio correrá a cargo do maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, quen disertará sobre “A validez da proba electrónica en sede xudicial”. Luis Jiménez, subdirector xeral do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) disertará sobre “A ciberdefensa e a protección das infraestruturas críticas no século XXI”. A xornada da mañá pecharase cunha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, sobre “O difícil equilibrio entre a liberdade e a seguridade en Internet”.

Xa pola tarde, o fiscal do Servizo de Criminalidade Informática da Fiscalía Xeral do Estado, Jorge Bermúdez, quen falará sobre “Os hackers son de Marte e os xuíces de Venus”. De seguido intervirá Juan Luis Rambla, consultor de Seguridade e Sistemas, que pronunciará o relatorio “Os hackers e o desafío á seguridade informática. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre “Hackers: ¿ameaza ou garantes da seguridade na Rede?”.

Na inauguración das Xornadas tamén estiveron a directora da Amtega, Mar Pereira; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, Marcos Mata, e o encargado da dirección técnica da xornada, Víctor Salgado.